O Grupo de Estudos Audiovisuais vén de subir á súa canle de Vimeo os videos que resumen as diferentes sesións do pasado Foro Internacional Cine de Pequenas Nacións, Alfabetización Fílmica e Novas Audiencias. Os obxectivos do Foro pasaban por poñer en relación todas as variábeis que puideran contribuir á construción de novas audiencias. Para iso, contouse coa presenza de expertos e expertas de distintas procedencias e bagaxes, cruzando os ámbitos profesional, académico e creativo. Púxose o foco nas pequenas nacións como espazos comunicativos, no cinema en V.O. e nas situacións de minorización da lingua propia, ademais de abordar as políticas da diversidade. Os videos inclúen un fragmento da intervención de cada experto en cada unha das mesas.
O Foro é parte do proxecto do Plan Nacional de I+D+i “Cara o Espazo Dixital Europeo. O papel das cinematografías pequenas en versión orixinal” (ref. CSO2012-35784. Ministerio de Economía e Competitividade) que desenvolve o Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela baixo a dirección da catedrática Margarita Ledo Andión.