A revista TELOS abre a súa convocatoria a propostas de artigos para o Dossier central do seu próximo número 102: Turismo, Patrimonio e NTIC, coordinado polos profesores Jesús Prieto de Pedro (UNED) e Enrique Bustamante Ramírez (UCM). Dende a consciencia da importancia do turismo na economía española e internacional, promoven unha reflexión sobre a necesidade dun turismo sostible, enlazado coa cultura e integrado na vida social, na que se teña en conta a importancia das Novas Tecnoloxías de Información e Comunicación para trazar sinerxias entre as estratexias culturais e as turísticas. A proposta é interdisciplinar, para compensar a escasa atención que se lle ten dado ao tema dende o ámbito académico e científico. Por iso, chámase a economistas, comunicólogos, sociólogos, antropólogos, xuristas ou xestores culturais.
Na web da revista hai información detallada sobre as liñas preferentes aconselladas para o dossier, así como as normas para colaboracións. Os artigos publicados serán remunerados logo da súa edición. A data límite para o envío dos textos en versión definitiva é o 10 de xullo de 2015.