O proxecto de investigación “Cine, diversidade e redes” comeza a deitar conclusións definitivas en publicacións e congresos internacionais. No III Congreso da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC), “Comunicación e risco”, o grupo de Estudos Audiovisuais promove e coordina o panel titulada “A circulación de produtos do cine galego”, no que participarán os doutores Enrique Castelló, Óscar Traversa e Martín Becerra. A mesa será moderada pola doutora Ana Isabel Rodríguez e terá lugar o xoves 19 de xaneiro de 2012 ás 15.00 horas na aula 313 da Facultade de Letras da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona.
O panel que servirá de presentación oficial dos resultados da investigación iniciarase cunha presentación conceptual do proxecto e da ferramente online da pesquisa a cargo da moderadora e membro do Grupo de Estudos Audiovisuais, Ana Isabel Rodríguez. A seguir o doutor Enrique Castelló ofrecerá o relatorio principal do panel baixo o título “Cine, diversidade e redes. Estratexias para a circulación do cine galego”, no que se debullarán os resultados finais do proceso investigador. Para completar a mesa intervirán os doutores da Arxentina Martín Becerra, coordinador do grupo de recepción da Universidade Nacional de Quilmes, co relatorio “Cine, diversidade e redes con ancoraxe na Arxentina”; e, por outra banda, o doutor Óscar Traversa e o profesor Nicolás Bermúdez,coordinadores do grupo de recepción do Instituto Nacional das Artes da Arxentina, co relatorio “Arredor do risco e os seus paradoxais atenuantes comunicacionais: o caso dos galegos na Arxentina”.
A pesquisa do Grupo de Estudos Audiovisuais, “Cine, diversidade e redes”, botou a andar a finais de 2009 como un proxecto de investigación online, emprendido coa finalidade de coñecer e analizar a recepción de produtos cinematográficos galegos naqueles estados de América onde existen comunidades emigrantes con dereito a voto; nomeadamente Arxentina, Brasil e Uruguai. Logo dun intenso período de preparación metodolóxica e de capacitación tecnolóxica dos grupos de recepción sitos en Latinoamérica, a inicios de 2011 iniciouse o proceso de análise en liña de produtos do cinema galego en centros de estudos –Pontificia Universidade Católica do Rio Grande do Sul (PUCRS), Instituto Universitario Nacional da Arte de Bos Aires (IUNA), Universidade Nacional de Quilmes (UNQ), Universidade da República de Uruguai (UDELAR)-, e da emigración galega no alenmar -Patronato da Cultura Galega de Uruguai e Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina-.