Laxe definiu Mimosas como “un western relixioso”, e nela nárrase a travesía emprendida por tres personaxes que queren dar sepultura ao corpo dun mestre sufí. Para chegar a Sijilmasa, cidade bereber en ruinas, deben superar numerosas trabas e cruzar as montañas do Atlas. A relixión musulmana é retratada na película dunha maneira respetuosa, nunha obra que traballa sobre a fé procurando a universalidade. En declaracións a El País, Laxe explicábase: “Facer unha película non é un acto de onanismo: teño unha responsabilidade co espectador. E, á vez, sei que a mellor maneira de comunicar é deixar unha porta aberta á estupefacción e á sombra.” As paisaxes duras e áridas de Marrocos, onde o director reside parte do ano, cobran tamén grande importancia no filme, que pasou por un longo proceso de traballo antes de acadar a súa forma final.
Mimosas está coproducido pola produtora galega Zeitun Films coa marroquí La Prod e a francesa Rouge International. A estrea comercial do filme en Francia (a través de UFO Distribution) está prevista para outono deste ano, pero aínda non hai data para a súa chegada a Galicia e o resto do Estado.


