Os días 21 e 22 de maio terá lugar o Foro Internacional ‘As linguas e o Cinema. Indicadores para un programa europeo de subtitulado’ na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais, o foro reúne a investigadoras e investigadores do cinema e a tradución audiovisual na contorna europea co obxectivo de formular indicadores cara unha política harmónica de subtitulado da produción cinematográfica e audiovisual en linguas europeas non hexemónicas.
Ademais das sesións plenarias arredor das que se centrará o foro, este pecharase coa proxección dunha mostra de traballos de subtitulado de linguas non hexemónicas. O programa completo do foro está dispoñible aquí.
A asistencia é aberta previa comunicación do enderezo electrónico estudosaudiovisuais.usc@gmail.com. Entregarase diploma de asistencia aos alumnos das Universidades do Sistema Universitario Galego, así como aos asistentes non estudantes que o soliciten expresamente.