O 18 e 19 de xuño, o artista visual, fotógrafo e docente Francisco Gómez impartirá un obradoiro de colodión húmido no espazo Dispara da Estrada. O colodión húmido é unha técnica de mediados do século XIX que, ao igual que o daguerrotipo, caracterízase polo seu grande poder de definición. Realízase con cámaras de gran formato e os soportes empregados habitualmente son o vidro ou o metal, preparados cunha base de colodión húmido e prata, polo que cada fotografía é unha peza única.
O obradoiro enmárcase no interese actual pola recuperación dos procesos antigos. Durante a realización do curso, cada un dos dez alumnos previstos realizará un colodión co seu retrato persoal. O prezo é de 99 euros polas 12 horas de curso (8 o sábado e 4 o domingo), e a inscrición pode facerse na dirección dispara@dispara.org.