A profesora de Comunicación Audiovisual e membro do GEA, Marta Pérez Pereiro, tomou parte do Seminario de Crítica Feminista organizado pola revista A Cuarta Parede dentro da 14ª edición do Festival Internacional de Documentais Play-Doc. Esta quinta edición do seminario de crítica, que tivo lugar nos días 28 e 29 de abril no Teatro Municipal de Tui, estivo co-organizada por Brais Romero Suárez, membro do GEA e contou, ademais, coa participación de Marga Carnicé Mur, profesora da ESCAC e investigadora da Universitat Pompeu Fabra, e Elena Oroz, crítica de cinema e profesora asociada da Universidad Carlos III de Madrid.
A profesora Marta Pérez inaugurou o seminario cunha sesión que indagaba arredor dunha arqueoloxía da crítica feminista desde os anos setenta ata a actualidade, pasando por autoras como Laura Mulvey ou Claire Johnston. O texto, resumo do relatorio da profesora, está publicado na web da revista A Cuarta Parede.