Margarita Ledo, coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais, vén de ser recoñecida co XV Premio Ramón Piñeiro “Facer País”, que outorga a Asociación Cultural Val de Láncara. O Premio distingue cada ano a traxectoria dunha persoa ou entidade a favor do desenvolvemento de Galicia.
O xurado salientou de Ledo o “constante compromiso con Galicia na súa creadora actividade profesional como xornalista, escritora, docente e cineasta”, facendo fincapé ademais no seu compromiso coa emigración, a defensa dos valores da liberdade e a democracia, e a “dignificación” das mulleres, ademais da súa especial atención á presenza da lingua galega nos novos medios de comunicación.


