A coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais, Margarita Ledo Andión, participará o xoves 2 de xuño nun debate na Biblioteca Pública Ánxel Casal arredor do filme Que horas ela volta?, de Anna Muylaert, coa propia directora da obra. O evento está organizado por Brasilegos Contra o Golpe e encádrase na denuncia do proceso de impeachment aberto contra a presidenta Dilma Rousseff. O filme trata os conflitos que suceden entre unha empregada doméstica brasileira e os seus patróns, criticando as desigualdades da sociedade do Brasil, e vén de acadar numerosos recoñecementos a nivel internacional, entre os que destaca o premio á mellor actriz no Festival de Sundance ou o Premio do Público no Festival de Berlín.
A sesión, que comezará ás seis da tarde, é aberta pero conta cun aforo limitado a setenta persoas.


