Á vez, e no Centro Galego de Artes da Imaxe-Filmoteca de Galicia (rúa Durán Loriga 13, baixo), un extenso ciclo de películas permitirá (desde o 21 de setembro) revisar os seus títulos máis destacados, que atravesan medio século do mellor cine español e mundial.
Membro dunha familia da burguesía industrial coruñesa, fillo do destacado militar Fernando Casado Veiga, co que compartirá a trinchera republicana durante a Guerra Civil, o final da contenda cambiará a súa vida para sempre.
Actor case por necesidade, encarcelado o seu pai, despuntará como mozo galán no cine español dos anos 40 e 50, grazas ao seu elegante porte e á calidade extraordinaria da súa voz, en títulos de tanto éxito como Los últimos de Filipinas (A. Román, 1945) ou Locura de amor (J. de Orduña, 1948).
Republicano e progresista, vincularase cos movementos renovadores do cine español, colaborando con directores como Berlanga (é a voz narradora de ¡Bienvenido, Mister Marshall, 1952) ou Bardem (Cómicos, 1953; La venganza, 1957) e formará parte de UNINCI, decisiva productora disidente. Rodará con Buñuel catro títulos soados (Viridiana, 1961; Tristana, 1970; El discreto encanto de la burguesía, 1972; Ese oscuro objeto de deseo, 1977), modulando a súa personalidade de elegante e aristocrático hidalgo de escura complejidad psicolóxica, e o seu dominio do inglés e do francés permitiralle converterse nun prestixioso actor internacional, presente nos repartos de películas inesquecibles -como Campanadas a medianoche (O. Welles, 1966) ou The French Connection (W. Friedkin, 1971)- xunto ás máis famosas estrelas do cine mundial (de Paul Newman e Ingrid Bergman a Peter Ustinov, Alberto Sordi, Faye Dunaway ou Max Von Sydow)
Merecedor dos máis prestixiosos galardones dentro e fóra de España (como o obtido no Festival de Cannes de 1977 polo seu papel en Elisa vida mia, dirixida Carlos Saura, ou o Premio Goya por Diario de invierno [Francisco Regueiro, 1988]), falece en 1994 tras realizar na serie El Quijote, dirixida por Manuel Gutiérrez Aragón para RTVE, a postrera e magistral demostración do seu inmenso talento interpretativo.