Cara unha reconsideración da cultura posbélica: análise dos modos de representación no cinema español (1939-1962) a partir da impronta de Wenceslao Fernández Flórez.

O proxecto “Cara unha reconsideración da cultura posbélica: análise dos modos de representación no cinema español (1939-1962) a partir da pegada de Wenceslao Fernández Flórez” proponse investigar de xeito exhaustivo a filmografía española do período 1939-1962 co fin de determinar –a partir da análise dos filmes conservados, así como da bibliografía, hemerografía e a documentación administrativa xerada por todos e cada un dos títulos rodados– de que xeito as peculiaridades estilísticas, formais e temáticas, dos Modos de Representación do cinema español parten de forma decisiva da pegada literaria do escritor galego Wenceslao Fernández Flórez. Deste modo, alén do estudo das numerosas adaptacións fílmicas das súas obras literarias –coincidentes en boa parte coa ditadura primorriverista e convertidas, ao se transformar en películas trala Guerra Civil, en materia sorprendentemente adecuada para metaforizar o desolador panorama da época–, as pegadas da súa particular maneira de ollar o mundo –crítica e melancólica, costumista e reflexiva– expándense das máis diversas formas á práctica totalidade do cinema español, ata se converter nun dos materiais nutrientes máis destacados á hora de definir con solvencia uns modos de representación propios, tanto no que se refire á súa vertente argumental e semántica, como á súa concepción discursiva e visual.
O labor do sólido equipo deseñado para o presente proxecto –no que están integrados algúns dos máis relevantes expertos na materia– consiste polo tanto en desvelar como os devanditos modelos –que herdan malia todo, aínda transformado y mediatizado pola censura, o denso humus fílmico nacional-popular da preguerra– propoñen innovacións formais de profundo calado antropolóxico e estético que destacadas investigacións previas xa esbozaran ou analizaran de xeito parcial, pero que precisan para a súa concreción definitiva un estudo da exhaustividade aquí formulada, capaz de desterrar definitivamente as nesgadas lecturas elaboradas durante o franquismo e a transición pola historiografía tradicional, calquera que fose a súa tendencia ideolóxica.

Simposium Costumismo, humor, melancolía, reflexividade: Impronta de Wenceslao Fernández Flórez no cinema español

José Luis Castro de Paz
Ministerio de Economía e Competitividade
Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Universidad del País Vasco, Universitat de València, Universidad Internacional de Valencia, Universitat Jaume I de Castellón, Universidad Carlos III de Madrid
2013-2015
Carmen Arocena, José Luis Castro de Paz, Juan Miguel Company, Xosé María Dobarro Paz, José María Folgar de la Calle, Sonia García López, Francisco Javier Gómez Tarín, Antía López Gómez, Francisco Javier Moral Martín, Fernando Redondo Neira, Agustín Rubio Alcover, Imanol Zumalde Arregui, Santos Zunzunegui Díez.

Tagged with:
Publicado en investigación, investigación de portada, investigación rematada
Investigacións
novas relacionadas