A coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais, Margarita Ledo Andión, será unha das relatoras nas VI Xornadas Acércate de igualdade e prevención da violencia de xénero. Organizadas polo Concello de Ames, a Deputación da Coruña e o CIM de Ames, terán lugar o 17 de novembro na Casa da Cultura do Milladoiro a partir das 8:30 da mañá.
Margarita Ledo presentará a conferencia “Xénero e Política de Representación: muller, violencia e poder” ás 9:45. Ademais dela, intervirán outras relatoras do ámbito da xustiza, como a Valedora do Pobo Milagros Otero ou a xuíza Francisca Verdejo. O programa completo, que tamén inclúe obradoiros pola tarde, está dispoñible na web das xornadas.