A entidade pública Red.es, dependente da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, en colaboración coa Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), veñen de presentar o proxecto de creación dun Centro de Produción e Experimentación en Contidos Dixitais (CEPECD) en Galicia que, entre outras cousas, funcionará como unha unidade transversal de formación de profesionais en contidos dixitais.
Este Centro, que terá a súa sede en Santiago de Compostela, estará composto por varias unidades diferenciadas orientadas á produción de contidos audiovisuais, á produción e experimentación 3D, aos videoxogos e á postprodución, almacenamento e difusión de contidos dixitais. O proxecto, que está dotado cun orzamento de 1.150.000 euros, fai parte do programa Profesionales Digital.es que se está a desenvolver nun total de 21 universidades públicas do Estado, entre as que se atopa a USC, entidade académica que achega o 30 por cento do capital investido neste Centro.
O obxectivo principal do novo centro da USC vai ser impulsar a industria de contidos dixitais, mediante accións de formación e investigación; experimentar con escenarios virtuais, animación 3D, e aplicar os seus resultados en técnicas de realidade virtual, que sirvan como apoio ao sector multimedia e audiovisual.
O CEPECD recibiu xa o apoio de diferentes empresas especializadas en contidos dixitais como a Axencia Efe, Bren Entertainment, Blu:sens, Filmax Animation, Ficción Producciones, R Cable, Knowledge Factory, e outras corenta que xa mostraron o seu interese en sumarse ao proxecto.