Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas

Son múltiples os compromisos promulgados pola Unión Europea e os seus estados membros arredor á decidida e inexcusable preservación e fomento da diversidade cultural e lingüística de Europa e á posta en valor do Cinema como obxecto de confluencia entre a innovación tecnolóxica, a cultura e a economía.

Neste sentido, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM), promulgada o 25 de xuño de 1992 con rango de Convención polo Consello de Europa – e sancionada o 5 de novembro do mesmo ano por once estados membros, entre eles o español –, compromete explicitamente aos seus firmantes (art. 12b) «…a favorecer os diferentes medios de acceso noutras linguas ás obras producidas nas linguas rexionais ou minoritarias, axudando e desenvolvendo as actividades de tradución, de dobraxe, de post-sincronización e de subtitulado».
Así, de entre as accións de preservación do Patrimonio Cultural Inmaterial Europeo (PCIE) emerxen como prioritarias aquelas encamiñadas ao fomento do subtitulado de contidos audiovisuais. Porén, o palmario compromiso formal que emana das Convencións – a escala europea, estatal e autonómica – tradúcese na implementación de paquetes de medidas de carácter aleatorio, fragmentario e continxente que, en xeral, abocan a unha sistémica ausencia de resultados.

O proxecto EU-VOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas proponse, pois, desvelar decidida e rigurosamente, as contornas internas e externas da situación – retrospectiva, coetánea e prospectiva – do subitulado no espazo europeo, a fin de plantexar un programa proactivo de medidas a considerar nunha política harmónica de subtitulado con destino á produción cinematográfica e audiovisual en linguas europeas non hexemónicas.

Conscientes da inveterada renuencia institucional e profesional con respecto ao coñecemento xerado no ámbito académico en materia de subtitulado – en favor de indicadores económicos simplificadores da complexidade das denominadas “industrias creativas” –, ambicionamos catalizar un cambio de pensamento propiciando espazos de encontro e reflexión entre os principais axentes implicados: académicos, responsables institucionais e profesionais. Un cambio de perspectiva propiciatorio tanto do acceso e circulación transfronteirizas obras realizadas en linguas non hexemónicas como da valoración mesma do PCIE.

A este fin, xeorreferenciamos a situación do subtitulado europeo en linguas non hexemónicas a través dunha cartografía comparativa de políticas públicas e prácticas sectoriais, da taxonomización das principais barreiras e/ou motivaciónz na accesibilidade ao cine VOS, da singularización de aquelas experiencias máis innovadoras a nivel tecnolóxico ou creativo que, atendendo á calidade dos subtítulos e á súa integración na obra cinematográfica, permitan usufructuar as apropiacións ao deseño universal aplicado á accesibilidade mediática, ao subtitulado parcial de O’Sullivan e ao subtitulado creativo.

Como boa mostra da expectación xerada a nivel sectorial e institucional da aplicabilidade inmediata dos seus resultados, o proxecto presenta unha considerable nómina de entidades, organizacións e asociacións de carácter nacional e internacional e de corte académico, institucional e profesional, que se adscriben a este proxecto.

Margarita Ledo Andión e Enrique Castelló Mayo
Ministerio de Economía e Competitividade. Ref. CSO2012-35784
Universidade de Santiago de Compostela, Universidad Complutense de Madrid, Universidad de Málaga, Universidad de Murcia, Universidad de Salamanca, Universidad de Sevilla, Universidad del País Vasco, Universidade de Vigo
2017- 2019
Margarita Ledo Andión (IP) (USC), Enrique Castelló Mayo (IP2) (USC), José Luis Castro de Paz (USC), Andrés Fraga Pérez (USC), Antía López Gómez (USC), Xose Henrique Monteagudo Romero (USC), Carlos Pío del Oro Sáez (USC), Marta Pérez Pereiro (USC), Fernando Redondo Neira (USC), Silvia Roca Baamonde (USC), Pablo Romero Fresco (Uvigo), María Soliña Barreiro González (ESUPT-UPF), Francisco Javier Azpillaga Goenaga (UPV-EHU), María José Deogracias (UPV-EHU), Beatriz Zabalondo Loidi (UPV-EHU), Judith Clares Gavilán (UOC), Jaques Guyot (Universitè Paris 8), Steve Blandford (University of South Wales), Ruth McElroy (University of South Wales), Pietari Kääpa (University of Stirling)
Tagged with:
Publicado en EUVOS (+info), investigación, investigación de portada, investigación en curso
Investigacións