O Grupo

Estudos Audiovisuais (GEA) é un grupo de investigación consolidado da Universidade de Santiago de Compostela, adscrito ao departamento de Ciencias da Comunicación e constituído como tal no ano 2003, inscribíndose no catálogo de Grupos de Investigación da USC en 2005 (GI-1786).

A súa coordinadora é Margarita Ledo Andión e actualmente está integrado por 20 membros, dos cales 6 son investigadores en período de formación e perfeccionamento.

A fundación deste grupo de investigación foi consecuencia lóxica da consolidación do Observatorio do Audiovisual (ODA) que se creou en 1998 no seo do Departamento de Ciencias da Comunicación, formando parte do programa de investigación Tv e inteculturalidade: Comunicación na Periferia Atlántica. O ODA centrou nun inicio o seu obxecto de estudo na análise sistemática da integración trans-rexional Galiza-Norte de Portugal e tiña como actividades principais a elaboración e publicación de informes bianuais sobre o estado do audiovisual galego.

Co paso do tempo os obxectivos fundacionais do ODA vanse consolidando véndose reforzado pola creación do grupo de investigación Estudos audiovisuais. Comunicación audiovisual: contidos, formatos e tecnoloxía, constituído ao abeiro do observatorio en 2003. Na actualidade o labor de investigación do grupo pódese resumir en fez grandes liñas de traballo:

- Políticas de comunicación e cultura.

- Espazos xeo-lingüísticos de comunicación.

- Produción de contidos: interactividade e interculturalidade.

- Contidos informativos de radio e televisión.

- Produtos para televisión e tecnoloxías aplicadas á produción.

- Programación e audiencias en radio e televisión.

- Comunicación sen barreiras.

-Análise fílmica: Contextos históricos e sociais

-Os lugares do cinema: documental e autoría

-Estudos en Música Popular

Publicado en Uncategorized