A ALAIC,  para alén de participar activamente na construción  de espazos xerais de diálogo académico, como a CONFIBERCOM, ou de sinalar a súa presenza nos principais eventos de Comunicación a nivel mundial (IAMCR, ICA, PABAM), dende 2010  está a promover mesas de traballo con outras entidades macrorexionais da área, en vistas a estabelecer un diálogo amplo sobre das principais cuestións de orde institucional e epistemolóxica que nos afectan. A mesa convocada para Santiago de Compostela, en colaboración coa NORDICOM e co apoio da AGACOM, contará tamén coa participación da ASSIBERCOM, da CONFIBERCOM e de dúas asociacións importantes tal a AE-IC e a AMIC.
A seguido da mesa realizada con anterioridade en Montevideo en 2012, durante o congreso da ALAIC, o obxectivo é traer á tona pontos de consenso cara a construción dunha plataforma común de acción co albo de repensar as relacións entre Comunicación e Desenvolvemento nun momento de fondas transformacións nas relacións  de poder e hexemonía a nivel mundial.
Cal é o papel da Comunicación e, singularmente, do campo académico da Comunicación neste contexto, mesmo no referente  ás mudanzas actuais no conxunto do campo científico e, en xeral,  do traballo intelectual?  Cómo pensar, neste senso, a institucionalidade do campo a nivel global e o peso das asociacións de pesquisadores na definición da axenda política e social? A intención non é, polo de agora, dar coas respostas senon avanzar na reflexión e na propia  formulación colectiva dos problemas que seguirán a se debater noutra mesa  proposta pola ALAIC e a ECREA para o congreso de xuño da IAMCR