Obxectivos do congreso

As implicacións entre os axentes da comunicación, a pesquisa e a transferencia social de resultados no ámbito da formación,  para a  solución a problemas ou como  iniciativas novas de seu, lévannos cara a necesidade de establecer unha sorte de estado xeral  dos obxectos contemporáneos de investigación, das experiencias de traballo  en curso que aínda non contan coa súa propia tradición e de certas tendencias no pensamento comunicacional contemporáneo.

O exercicio do saber como forma de poder, a reconfiguración da esfera pública como  lugar para a diferenza, a interculturalidade e  a construcción da igualdade constitúense en retos para este encontro de investigadores e investigadoras da ampla xeografía iberoamericana.

Santiago de Compostela, a cidade-símbolo da viaxe como transformación, é referencia  nos estudos americanistas, e a Facultade de Ciencias da Comunicación, sede do Congreso, acolleu, entre outros eventos,  o II Congreso iberoamericano de xornalismo dixital (2003), VII Congreso Lusocom (2006), o Congreso fundacional da AEIC (2008) ou o Encontro Real-Code, Comunicación e Desenvolvemento (2011).

Ademais, o Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago ten acumulada unha longa experiencia na organización de cursos de doutoramento con universidades iberoamericanas, como coa Nacional de Tamaulipas (México) ou a Técnica Particular de Loja. Do mesmo xeito, na Universidade de Santiago sitúase o Centro Interdisciplinario de Estudios Americanistas “Gumersindo Busto”, tamén cunha fonda traxectoria de pesquisa sobre as relacións con iberoamérica.

A celebración do IBERCOM 2013 en Galicia da man da AGACOM,  para alén de darlle unha maior visibilidade á investigación en Comunicación na Galicia e de materializar o encontro entre académicos, investigadoras e investigadores, vai crear condicións para a cooperación entre ámbitos disciplinares,  universidades e países   diferentes  convocados en torno a Comunicación, cultura e esferas de poder .