Lusofonía. Interactividade e interculturalidade

Galicia e os países lusófonos (que en diante abreviamos como lusofonía) constitúen un espazo xeo-lingüístico que podería devir un valor na mundialización, tanto a nivel económico coma cidadán. Un espazo plural e asimétrico pero cun fío común, a partilla de linguas do mesmo sistema lingüístico, que debera ser, por si propia, unha peza de inestimábel valor de uso -e de cambio- para a circulación de produtos da industria cultural, sobremaneira nun tempo en que falar de cibercultura é xa un lugar común.
Porén, e a pesar de declaracións institucionais e do ensaio dalgúns programas de políticas públicas, esta posibilidade non remata de se concretizar. O problema, ou unha das fasquías determinantes para avantar na solución do mesmo, reside en sermos quen de localizar as barreiras, con e para alén da cuestión lingüística, que obstaculizan esta realidade potencial.
Cales son as razóns prácticas que impiden a circulación de produtos audiovisuais galegos no espazo lusófono?
Qué produtos e para qué públicos, son as interrogantes que organizan esta proposta de pesquisa. Temos, deste xeito, un binomio que só ten sentido coa súa posta en relación e que vai esixir de nós, tanto a nivel metodolóxico como tecnolóxico, traballar pegados tanto ao obxecto como aos obxectivos perseguidos e mantérmonos abertos a calquera variábel que poida aparecer.
Un binomio formado, por unha banda, cunha mostra representativa de producións audiovisuais en lingua galega, e completado, pola outra, cunha serie de grupos de recepción en 3 pontos cualitativamente diferentes do espazo lusófono: Guiné Bissau, Brasil e Portugal, que se materializará na creación dun sistema de xestión de contidos para avaliar e probar as barreiras da comunicación no espazo da Lusofonía.
Margarita Ledo Andión
Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia a través do programa: Innovación, Ciencia e Tecnoloxía (IN.CI.TE.)
Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Beira Interior (Portugal), Pontificia Universidade Católica de Rio Grande do Sul (Brasil) Universidade Federal da Bahia (Brasil) Universidade Lusófona de Guiné Bissau (Guiné)
2009-2011
Margarita Ledo Andión, Xosé Soengas Pérez, Enrique Castelló Mayo, Francisco Campos Freire, Xosé Pereira Fariña, Ana Isabel Rodríguez Vázquez, Marta Pérez Pereiro, María Salgueiro Santiso, Xan Gómez Viñas, Silvia Roca Baamonde
Publicado en investigación
Investigacións