Comeza o período de análise no proxecto “Cine, diversidade e redes”

A pesquisa do Grupo de Estudos Audiovisuais, “Cine, diversidade e redes”, entra na súa fase decisiva de análise das mostras, coa entrada na investigación dos grupos receptores de Arxentina, Uruguai e Brasil. O proxecto estuda a recepción de filmes galegos en países con comunidades galegas de emigrantes con dereito a voto.

Logo de máis dun ano de preparación da plataforma en liña, conformación dos grupos de recepción, e pre-test dos distintos apartados que compoñen a súa intranet específica, o proxecto Cine, Diversidade e Redes entra na súa fase determinante. A pesquisa, financiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través do Plan Nacional I+D+i, conta coa participación de 6 grupos de recepción sitos en Latinoamérica que inician neste mes de abril o proceso de análise das motras do cinema galego propostas dende o Grupo de Estudos Audiovisuais.

Fan parte do proxecto a Pontificial Universidade Católica do Rio Grande do Sul (PUCRS), o Instituto Universitario Nacional da Arte (IUNA), a Universidade Nacional de Quilmes (UNQ), a Universidade da República de Uruguai (UDELAR), o Patronato da Cultura Galega de Uruguai e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina.

O proxecto Cine, diversidade e redes, ten como finalidade coñecer e analizar a recepción de produtos cinematográficos galegos, a partir de determinadas variábeis tecnolóxicas que afectan aos novos modos de circulación da produción cinematográfica e audiovisual, naqueles países onde existen comunidades emigrantes que se significan pola súa condición de cidadáns con dereito a voto en ambos países e que, nesa mesma medida, constitúense en targets, ou obxectivos prospectivos de interese, especialmente en Arxentina, Brasil ou Uruguai.

Dende o punto de vista metodolóxico, o proxecto está baseado na análise dos fluxos de produtos cinematográficos do período 2003-2008 e as súas interaccións lóxico-cognitivas cos universos de recepción. A mostra, de carácter representativo, vai vai permitir unha detección das principais barreiras e motivacións que existen na comprensión e aceptación da produción cinematográfica galega nos obxectivos prospectivos de interese, así como constatar a implementación nos devanditos contidos de valores axiolóxicos (a partir das listaxes consideradas pola Comisión Europea) e determinar a influenza de variábeis formais e lingüísticas na percepción dos mesmos.

Búscase, por tanto, a satisfacción dunha dobre necesidade: unha de carácter económico e industrial, coadxuvante da apertura de novos mercados e modelos de distribución baseados na innovación tecnolóxica, e unha segunda, de carácter social, orientada á determinación daqueles codificadores culturais que faciliten a aceptación de contidos cinematográficos destinados a comunidades que, aínda xeograficamente dispersas, defínense por elementos identitarios como a lingua. 

Publicado en Sen categorizar